A Deputación de Pontevedra adianta a concesión de 30 bolseiros a empresas do sector turístico
Por Oskar Viéitez
Un total de 26 mozos, titulados universitarios e de ciclos superiores de Formación Profesional, comezarán a traballar o próximo 1 de xullo noutras tantas empresas do sector turístico, ao abeiro da segunda edición do Plan de Práctica Laboral posto en marcha pola Deputación de Pontevedra.
Malia que este Plan está nestes momentos en trámite de selección de empresas, a Administración Provincial decidiu adiantar as bolsas para titulados no sector turístico porque, en palabras do presidente, Rafael Louzán, "non sería normal que os traballadores que van ir a estas empresas comezasen as súas prácticas en setembro, cando a tempada estival remata".
Neste primeiro bloque convocáronse un total de 30 bolsas en sete titulacións diferentes, pero catro delas non se puideron cubrir por falta de aspirantes como aconteceu coa titulación de ciclo superior de Dirección de Cociña. Estas vacantes volverán convocarse nos próximos días co propósito de que os beneficiarios "poidan estar tamén traballando a mediados do mes de xullo", afirmou Louzán.
Rafael Louzán mostrouse confiado en que o labor dos bolseiros non se limite ao tempo que duran as prácticas financiadas pola Deputación, senón que teña continuidade con contratos laborais.
O titular da institución provincial fixo estas declaracións antes de asinar xunto coas empresas e os bolseiros os documentos pertinentes para a posta en marcha das bolsas.
Con esta iniciativa non só perséguese ofrecer "unha magnífica oportunidade" para mozos con ampla formación, ademais tamén "se lle dá un pulo á profesionalización" dun sector que é a "columna vertebral da nosa economía".
"Necesitamos un sector turístico con capacitación e con formación axeitada, para seguir sendo líderes en Galicia", afirmou.
As prácticas terán unha duración de tres meses prorrogables por outros tres, podendo ampliarse ata completar un ano, tal e como xa se está a facer cos bolseiros que comezaron as súas prácticas en empresas a comezos de xaneiro e aos que se lles renovou a bolsa por outros seis meses.
Neste sentido, Louzán destacou que a experiencia do plan agora en marcha confirma que foi un acerto a posta en marcha desta "iniciativa pioneira", dado que a satisfacción tanto por parte das empresas coma dos bolseiros "é xeneralizada".
No mes de setembro está previsto que se proceda á adxudicación das máis de 400 bolsas que quedan pendentes e que terán destino nunha das preto de mil empresas que solicitaron participar neste programa e que nestes momentos están en fase de valoración.
A contía da bolsa é de 800 euros para titulados universitarios e de 700 para titulados de FP, que serán financiados integramente pola Deputación, que tamén correrá cos gastos dos correspondentes recoñecementos médicos.
Relacionadas:
-
400 empresas daranse cita na Deputación para contratar o seu bolseiro
Por Redacción |
-
Os bolseiros axudan a mellorar as convocatorias de prácticas laborais da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Ábrese o prazo para que os bolseiros presenten solicitudes ao Plan Práctica Laboral da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Preto de 1.000 empresas optan ao plan de práctica laboral da Deputación
Por Redacción |