Fomento desbloquea a reforma do Nó de Bombeiros e presenta ao Concello un proxecto inicial
Por Alejandro Espiño
Uns 37.000 vehículos circulan cada día polo denominado nó de Bombeiros. ÿ unha das zonas de maior presión de tráfico da cidade. De aí que a súa remodelación estivese durante anos nas demandas do Concello de Pontevedra ao Ministerio de Fomento. E tras tímidos avances previos, por fin o departamento que dirixe Ana Pastor deu un paso importante para afrontar esta ansiada reforma.
Fomento remitiu ao Concello de Pontevedra un amplo e detallado proxecto na que presentan a solución que pretender dar a este enlace norte coa autoestrada AP-9. Non considera un cambio radical na fisionomía da zona, pero si a modificación do trazado de varios viais para reducir a presenza de vehículos no tramo final de Domingo Fontán, o nó de Bombeiros e a conexión de ambos os dous coa estrada a Vilagarcía.
En liñas xerais, o Ministerio dará máis protagonismo á Ponte das Correntes con esta remodelación, xa que dende este os condutores poderán incorporarse á AP-9 en dirección a Santiago (o acceso cara a Vigo seguirase facendo polo mesmo vial que na actualidade). Por este punto sairán tamén os vehículos que procedan de Vigo, o que obrigará a que os dous carrís de Domingo Fontán pasen a ser catro ata Bombeiros.
Haberá notables cambios na conexión coa PO-531, xa que se suprimirá o xiro á esquerda para acceder á autoestrada que tantos accidentes provocaba e aposta por unha saída directa da AP-9 cara a Vilagarcía aos condutores que chegan dende Santiago. Estes contarán tamén cun novo vial que os levará directamente á glorieta de Bomberos e derrubarase a ponte actual que servía de enlace coa autoestrada.
César Mosquera sinalou que non é a solución que se demandaba dende Pontevedra, xa que o goberno municipal era partidario de trasladar o nó e os accesos á autoestrada máis cara ao norte do concello, ante a falta de espazo que hai no seu lugar actual. En todo caso, cualificou de "positivo" que se presentase este proxecto, que está aberto a suxestións e correccións por parte dos técnicos municipais.
O informe técnico debe ser remitido antes do 7 de xullo. Nel, Pontevedra fará énfase na "eiva grave" que detectaron no proxecto, aínda que segundo Mosquera se pode emendar. Fomento non recolle a conexión peonil entre a Ponte das Correntes e a glorieta de Bombeiros, que pretenden executar o Concello e a Deputación. Ademais, preténdense corrixir algunhas das solucións propostas para todo o conxunto.
Tras revisar o proxecto, César Mosquera entende que Fomento se decantou por unha solución que debido ao seu "menor gasto" presenta unha serie de limitacións. Explicou que invertendo algo máis de diñeiro se poderían lograr "mellores solución". En todo caso, o Ministerio non detalla no proxecto enviado o presuposto que pretende destinar a estas obras de remodelación, polo que podería haber variacións.
Se o Ministerio de Medio Ambiente, que pediu ao Concello un informe sobre o impacto ambiental deste proxecto, autoriza esta remodelación, Fomento podería xa licitar e adxudicar estes traballos. En todo caso, o edil nacionalista non quixo aventurar unha data aproximada na que poderían producirse estes últimos trámites antes do inicio das obras.
Relacionadas:
-
150.000 euros para mellorar o aspecto e as condicións de vida da Comandancia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Seis millóns de euros para a reforma do nó de Bombeiros e os accesos á AP-9
Por Alejandro Espiño |
-
Fomento non sabe cando acometerá a reforma do nó de bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Pedirán máis protección para o ENIL da Xunqueira de Alba na remodelación do acceso á AP-9
Por Alejandro Espiño |