260 maiores divírtense na Carballeira de Famelga en Cotobade
Por Diego Torrado
A Carballeira de Famelga acolleu, un ano máis, a Xuntanza das Persoas Maiores, unha cita que xa é tradicional no Concello de Cotobade e que, nesta ocasión, reuniu máis de 250 persoas de idade avanzada. O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asistiu a este encontro que forma parte da programación do Concello co obxectivo de animar os maiores.
Nesta ocasión rendeuse homenaxe a Carmen Sánchez García, de 96 anos, e a Martín Cortés Fermoso, de 90 anos, os máis veteranos desta cita. A actividade iniciouse cunha misa campestre oficiada polo crego de Aguasantas para dar paso a unha comida de confraternización na que os principais pratos foron a empanada, o polbo e a carne "ao caldeiro".
Este evento leva vinte e un anos organizándose cunha elevada participación de asistentes que, nesta ocasión, remataron a festa bailando ao ritmo do trío Sabor.