Portonovo repite patrón maior; Benito González e Evangelina Lago, fóra de Cambados e Vilanova
Por Redacción
Comezan a coñecerse os resultados das primeiras eleccións xerais que se convocan ao mesmo tempo en todas as confrarías galegas. Aínda que en moitos dos casos haberá que esperar ata o próximo 14 de xullo, día na que as respectivas xuntas xerais elixirán aos seus patróns maiores, xa coñecen algúns dos nomes que dirixirán os pósitos das Rías Baixas nesta nova etapa.
Entre eles, José Antonio Gómez repetirá mandato á fronte da confraría de Portonovo. O actual presidente provincial era o único candidato que se presentaba, polo que seguirá catro anos máis no seu cargo. Será dos poucos veteranos que seguirán, porque tanto Benito González en Cambados como Evangelina Lago en Vilanova de Arousa, históricos patróns maiores de ambos os dous pósitos, non continuarán á fronte destas confrarías.
En ambas as dúas localidades, ao igual que na Illa de Arousa, fixéronse co control os críticos, polo que haberá novos patróns maiores. Sorprendente é o caso de Cambados, onde os opositores a Benito González se fixeron con 20 das 24 vocalías e o propio presidente das confrarías galegas non logrou ser elixido, polo que deberá abandonar tamén o seu cargo á fronte da federación autonómica.
En Vilanova de Arousa tampouco Evangelina Lago logrou ser elixida como vogal tras perder de forma contundente pola candidatura da actual directiva do sector de marisqueo a pé; e na Illa pasou o mesmo con Ángel Iglesias, no seu caso, debido á fortaleza do grupo de armadores encabezado por Uxío Chaves.
En Carril todo apunta a que o novo patrón maior será José Luis Villanueva e no Grove, Antonio Otero, representante do sector continuísta da xestión do ata agora patrón maior, Gerardo García. Si repetirá, previsiblemente, Manuel Tarrío en Vilaxoán. En Sanxenxo non houbo necesidade de eleccións, ao coincidir o número de vogais a elixir co de candidatos. O día 9 haberá novo patrón maior, cargo ao que optan dúas persoas, entre elas o actual presidente Sauro Martínez.
Relacionadas:
-
José Antonio Gómez, patrón maior de Portonovo, seguirá á fronte da Federación Provincial de Confrarías
Por Redacción |
-
Máis da metade das confrarías de pescadores renovan aos seus patróns maiores
Por Redacción |
-
Incertidume en Pontevedra, Raxó e Marín ante o resultado das eleccións ás confrarías
Por Redacción |
-
Normalidade nas confrarías das Rías Baixas durante a xornada electoral
Por Redacción |