Contratan seguridade privada para reforzar a labor policial no Porto Deportivo de Sanxenxo
Por Redacción
O Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo contará a partir da próxima semana con seguridade privada que servirá para reforzar o labor policial nese equipamento público e garantir deste modo "o bo uso das instalacións durante os meses de verán no que existe unha gran afluencia de persoas", segundo destacou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Salvador Durán.
"O obxectivo desta medida é o de preservar a orde nesa infraestrutura e garantir un ocio de calidade que sexa compatible cos outros usos desta infraestrutura", sinalou Salvador Durán, quen recordou que nos locais situados nesa área se dan cita "milleiros de persoas especialmente as fines de semana e debemos evitar que a boa imaxe do porto se desvirtúe con accións non desexables".
Os detalles deste operativo analizáronse na reunión celebrada na sede de Nauta Sanxenxo co inspector xefe da Policía Local, Manuel Ferreiro, os responsables do aparcadoiro e da lámina de auga, así como co representante da empresa contratada para este fin. Nela estableceuse un protocolo de actuación, tendo en conta ademais os cambios introducidos pola nova lei de seguridade privada.
Ao igual que o ano pasado, o ámbito sobre o que se centrará esta tarefa incluirá ao aparcadoiro apoiando así o labor dos traballadores e auxiliares para impedir que se rexistren ruídos, desembarcos de bebidas alcohólicas ou condutas indecorosas, entre outras. Pola súa banda, os vixilantes encargados da lámina de auga prestarán soporte ao persoal de mariñeiría nos accesos aos peiraos e á hora de conseguir que non se produzan desordes e festas que perturben o descanso dos demais usuarios deste espazo.
Serán seis as persoas que supervisarán a actividade no porto polas noites dos fins de semana dende os xoves, tamén en áreas comúns como as escaleiras e a rampla que conduce á Praza do Mar, entre outras. Traballarán en coordinación coa Policía Local.