Acepta cinco anos e medio de prisión por asaltar unha casa de madrugada e ameazar de morte os donos
Por Natalia Puga
O 13 de maio do ano 2010 M.A.R. e a súa esposa estaban durmindo de madrugada cando, de súpeto, dúas persoas entraron á forza na súa casa, presentáronse no seu dormitorio e ameazáronos cunha pistola e un bate de béisbol. Transcorridos catro anos, un dos dous supostos asaltantes acaba de conformarse cunha condena de cinco anos e seis meses de prisión, pero o outro segue sen poder ser identificado e o matrimonio non considera que a pena sexa suficiente para resarcilos do sucedido: "Paréceme pouco. E aparte falta o outro".
Este matrimonio de Porriño acudiu este martes á Audiencia Provincial de Pontevedra onde un dos seus presuntos asaltantes sería xulgado na Sección Cuarta. Finalmente, o xuízo non se chegou a celebrar ao alcanzar o procesado un acordo de conformidade co fiscal.
A Fiscalía pedía inicialmente para o acusado 18 anos de prisión, pero rematará condenado a un ano e seis meses de prisión por un roubo con violencia ou intimidación en casa habitada; dous anos, seis meses e un día por homicidio en grao de tentativa; e un ano e seis meses por lesións con instrumento perigoso. Tres delitos nos que tivo un cómplice que non logrou ser identificado.
A víctima: "Métome na cama e aínda parece que os vexo alí diante"
O matrimonio non puido declarar durante o xuízo, pero si valorou o resultado do procedemento á saída da Audiencia. "Yo lo superé un poco, pero ella, nada," valorou M.A.R., que prefire manter o anonimato e protexer, sobre todo, a súa muller. Ela segue emocionándose tan só con recordar os feitos daquela madrugada de hai catro anos e como, de súpeto, espertaron con dúas persoas no seu dormitorio apuntándoos cunha pistola.
"Métome na cama e aínda parece que os vexo alí diante", relata a muller. O seu marido móstrase máis sereno, pero recorda a ameaza de morte dos asaltantes coma se tivese acontecido tan só uns días atrás.
Tras entrar no dormitorio e ameazar o matrimonio, o agora condenado golpeou cun bate de béisbol ao home, mentres que o seu compañeiro golpeou a muller e lle puxo unha pistola na cabeza. M.A.R. conseguiu facere co bate para defenderse axudado pola súa muller, momento no que o ladrón non identificado disparou a arma, aínda que non lle deu a ninguén.