Comezan a repartir os manuais de Primaria depositados no Banco de Libros de Texto
As familias con nenos que cursan estudos de Primaria son as primeiras que se poden achegar ata a Casa Azul para recoller os manuais do Banco de Libros de Texto da Redeaxuda. Persoal da concellería de Benestar Social comezou este martes a entregar estes libros, seguindo a listaxe de peticións recibidas nas últimas semanas.
Durante a pasada semana, o banco recibiu os libros das familias que se achegaron ás dependencias municipais a deixar os seus lotes e a presentar as peticións para o vindeiro curso. Tamén a finais de semana comezouse a recibir os libros depositados nos centros de ensino do municipio, un traballo que concluíu estes días.
Desde este martes, xa non se recollen máis libros e iniciouse a entrega dos lotes de Primaria. Segundo o calendario establecido polo Concello de Pontevedra, as familias de Primaria poderán recoller os seus lotes dende esta semana e na vindeira serán as de Secundaria.
A finais do mes de xullo a concellaría de Benestar Social colgará na páxina web de Redeaxuda os libros excedentes do banco, para que as familias que o desexen soliciten os que queiran na convocatoria de setembro, coincidindo co remate da época de exames.
O Banco de Libros de Texto, situado na Casa Azul, está aberto ao público de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
Esta iniciativa pretende ser algo máis que un instrumento de aforro e para iso se busca sensibilizar ao alumnado, as súas familias e ao profesorado para que o aproveitamento de recursos valiosos, como son os libros, sexa una actitude vital.
Na pasada edición o banco de libros entregou 3.224 manuais (1.698 de Secundaria e 1.526 de Primaria), cun valor de mercado aproximado duns 100.000 euros.