A ludoteca de Ponte Caldelas amplía o seu horario en verán e aposta por ser un campamento urbano
Por Redacción
Coa chegada do verán aumenta, en moitos casos, as necesidades dos pais á hora de conciliar a vida familiar e laboral. De aí que a ludoteca municipal de Ponte Caldelas amplíe o seu horario ata o próximo 22 de agosto. Farao cun maior número de actividades ao aire libre, xa que o goberno local busca que, na práctica, funcione como un campamento urbán dirixido a nenos e nenas de 3 a 11 anos.
En concreto, establecéronse dúas quendas de actividades: unha de mañá, con horario de 10:30 a 14 horas e outro de tarde, de 16:30 a 20 horas. Haberá rutas de sendeirismo e saídas aos arredores, realización de instrumentos musicais con material reciclado, talleres de música, ximcanas e xogos en inglés, xogos de exterior, a celebración do entroido de verán, talleres de cociña, animación á lectura, manualidades ou a celebración do día do patinete.
Coincidindo coa volta a un novo curso escolar, a ludoteca municipal manterá o seu habitual horario de tarde, a partir do 8 de setembro, compatible co do colexio, co fin de seguir atendendo aos 40 nenos que teñen praza neste centro de apoio. Cando se continúe o curso, os usuarios manteñen a súa reserva de praza e abriranse a novas incorporacións, por rigorosa orde de lista de espera, a aqueles nenos que queiran cubrir as posibles baixas que se puidesen producir.
A ludoteca municipal de Ponte Caldelas, creada hai nove anos e que dende hai seis está situada na Praza Frai Antonio Orge, conta cunhas modernas e funcionais instalacións onde os nenos e nenas poden desenvolver de xeito harmónico todas as súas capacidades físicas e intelectuais co apoio de profesores e monitores que dispoñen da cualificación e titulación precisa para iso.