Un turismo que fuxía da Policía envorca en Cerponzóns, os seus tres ocupantes rematan feridos e dous son detidos
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres persoas resultaron feridas e dúas delas foron detidas finalmente tras un aparatoso accidente rexistrado de madrugada na parroquia de Cerponzóns. Os tres circulaban nun vehículo que fuxía da Policía Nacional e acabou dando varias voltas de campá nunha zona de campo. O condutor foi detido por non ter carné e condución temeraria e un dos seus ocupantes por levar seis meses fuxido de prisión.
Os feitos aconteceron sobre as 00.40 horas. Minutos antes, a Policía Nacional empezara a perseguir un turismo tras comprobar que o seu condutor supostamente cometera un delito de tráfico. Na persecución implicouse a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico e finalmente déuselle alcance en Cerponzóns, á altura do cruzamento de Meán.
Para intentar eludir unha das patrullas o condutor do turismo desviouse cara a un campo, envorcou e deu varias voltas de campá, de tal forma que os tres ocupantes quedaron atrapados no interior do vehículo. Foron alertados os Bombeiros de Pontevedra, Tráfico e efectivos sanitarios, pero finalmente os tres individuos lograron saír polo seu propio pé do coche.
Unha vez no exterior, os tres necesitaron asistencia sanitaria. O condutor presentaba feridas leves polas que xa foi atendido no propio lugar do accidente e, posteriormente, foi detido e trasladado á Comisaría do Corpo Nacional de Policía por desobediencia e dous delitos contra a seguridade vial. Atribúeselle que conducía sen ter permiso e condución temeraria, ademais de intentar fuxir da Policía. Trátase dun veciño de Pontevedra de 26 anos con antecedentes policiais que nunca chegou a sacar o carnet.
As outras dúas ocupantes eran dúas mulleres que tiveron que ser trasladadas ao Hospital Montecelo para ser atendida das feridas sufridas. Unha delas recibiu a alta pouco despois e a outra permaneceu en observación varias horas custodiada por axentes policiais e, tras recibir a alta, foi detida e trasladada á Comisaría.
Fontes policiais confirmaron que esta muller tiña pendentes dúas ordes de busca, unha delas era unha orde de detención e ingreso en prisión decretada polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra por un roubo con intimidación e a outra era unha busca, detención e personación porque non se presentara na prisión da Lama tras gozar dun permiso penitenciario no mes de xaneiro de 2014.
Da investigación do correspondente atestado polo accidente de tráfico fíxose cargo a Garda Civil de Tráfico de Pontevedra.