O mal tempo non impide a Baltar celebrar a súa tradicional festa na honra a Cristo Rei
Por Redacción
Os veciños de Baltar celebraron este domingo o día grande das festas en honor a Cristo Rei, cunha misa solemne e procesión que tivo como escenario a capela do santuario e a área recreativa situada nas proximidades. A afluencia de público a este lugar da parroquia de Xustáns foi crecendo a medida que deixou de chover e o sol comezou timidamente a facer aparición no ceo de Ponte Caldelas.
A xornada iniciouse a primeira hora de hoxe co lanzamento dunha salva de bombas de palenque anunciando o día de Cristo Rei. A continuación tivo lugar un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Tenorio, antes de dar paso a diversos actos litúrxicos que tiveron, á unha e cuarto do mediodía, á Misa Solemne, seguida de procesión e tirada de fogos, como o momento máis emotivo da celebración.
Pola tarde, a animación correu a cargo da agrupación Charandonga, á vez que os máis pequenos da casa gozaron das colchonetas e o touro mecánico instalados pola organización. Os festexos concluíron coa actuación do grupo de pandereteiras Xeitosiñas e Os Coribantes de Buchabade, que ofreceron un amplo repertorio de temas tradicionais e populares galegos acompañados polo seu numeroso corpo de baile.
Estas festas tradicionais de Baltar contaron coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, a través do seu plan cultural, e a Deputación de Pontevedra. Días antes da súa celebración, operarios municipais realizaron traballos de bacheo para reparar un vial de aproximadamente 1.800 metros que dá acceso ao santuario de Cristo Rei.