Campelo cociñará media tonelada de ameixas esta fin de semana
Por Oskar Viéitez
A apertura da ría de Pontevedra ao marisqueo permitiu organizar unha nova edición da Festa da Ameixa de Campelo que terá lugar esta fin de semana, sábado 12 e domingo 13 de xullo.
O concelleiro de Turismo, Xosé Luis Martínez, debullou o contido deste evento gastronómico no que se espera despachar máis de media tonelada de bivalvos, o que supón unha oportunidade de promoción da ameixa babosa así como da zona de Campelo.
A festa vendeu o pasado ano case 1.800 porcións deixando uns ingresos próximos aos 23.000 euros. O presuposto para este evento ascende a 45.000 euros. "A intención é promover o produto, non facer negocio", recorda Xosé Luis Martínez, xustificando deste modo que os prezos volverán ser populares, "non se moveron dende hai oito anos": ameixas á mariñeira, fideos con ameixas e fabas con ameixas, custarán entre seis e sete euros.
A festa comezará o sábado ás 12.30 horas coa apertura e inauguración da carpa gastronómica e durante a tarde iranse sucedendo actuacións de grupos de música e baile folclórico da zona. O domingo será o día grande. Ás 11.45 horas homenaxearase as mariscadoras xubiladas o ano pasado e haberá diferentes actuacións musicais. A festa poñerá punto e final ás 22.00 horas cunha verbena a cargo da orquestra Ismael.