Se se abre a ría haberá Festa da Ameixa o 12 e 13 de xullo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, reuniuse coa Confraría San Telmo que trasladou a súa "ilusión" porque se poida abrir a ría ao marisqueo "entre o luns e o martes" e se celebre a Festa da Ameixa de Campelo: "de ser iso así manteríamos a Festa se non a decisión que tomaremos é a de aplazala, non suspendela, ata que se abra o marisqueo de novo", dixo o rexedor.
Luciano Sobral atenderá tamén as propostas da Confraría de Raxó e a Asociación de Hostaleiros.
A "complicada" situación deste ano co peche prolongado da ría ao marisqueo afectou negativamente as economías das familias vinculadas a este sector polo que se descarta suspender este evento gastronómico, a decisión cínguese á data de celebración desta festa.
A última analítica publicada polo Intecmar na ría de Pontevedra deu negativo na presenza de toxina e a directora do organismo, Covadonga Salgado, ve "datos esperanzadores" nas mostraxes cun descenso significativo da 'marea vermella', un fenómeno natural que se produce por microalgas presentes no fitoplancto mariño.
Se se manteñen eses parámetros nunha segunda análise haberá festa os días 12 e 13 de xullo.