As comunidades de montes alertan do risco de incendios forestais ante a falta de previsión da Xunta
Por Anxo Lourido
Os representantes da Organización galega de comunidades de montes, Xosé Alfredo Pereira e Claudio Quintillán, indicaron que existe un grave risco de que se produzan incendios forestais importantes ante o tamaño da maleza que se encontra nos montes.
O presidente e o secretario deste colectivo denunciaron que a Consellería de Medio Rural aínda non contratou os máis de 7.000 brigadistas que está previsto que se contraten para a extinción de incendios durante o verán. Claudio Quintillán indicaba que a Xunta está a utilizar como escusa o mal tempo que ata o momento se rexistrou en Galicia para non realizar as contratacións, pero afirma que se tiña que estar a aproveitar este período para a formación dos operarios para evitar posteriores accidentes. Sinala, ademais, que algúns dos condutores que pilotan camións motobomba só teñen experiencia con turismos.
Xosé Alfredo Pereira, o presidente da Organización de Comunidades de Montes, afirmaba que "non hai máis lumes porque vivimos do traballo feito hai seis anos". Indica que dende entón se eliminaron as axudas da Xunta para que as comunidades e os veciños propietarios se implicasen no aproveitamento dos terreos. Apuntaba ademais que, nos últimos anos, o número de incendios se mantén pero cada vez afectan a máis extensión de terreo con resultados máis catastróficos.
MANIFESTACIÿN PARA QUE SE CONDONEN AS DÿBEDAS
Dende a Organización anunciouse tamén a convocatoria dunha manifestación en Lugo a mediados de novembro para reclamar que se condonen as "falsas débedas" que se atribúen ás Comunidades a través dos convenios asinados coa Xunta a mediados dos anos oitenta. Agora, segundo denuncian, a Consellería retiraría terreos ás Comunidades de Montes que manteñan débedas coa Administración. Expoñen que, a través desta práctica, se pretende privatizar e poñer en mans de empresas particulares máis de 250.000 hectáreas de montes galegos (30.000 hectáreas na provincia de Pontevedra).