Abren unha investigación para aclarar se o uso do material pirotécnico que estoupou en Ponte Caldelas cumpría as normas
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra abriu unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu o accidente pirotécnico do sábado en Ponte Caldelas, no que resultaron afectadas oito persoas (sete hospitalizadas) tras a explosición dun camión aberto dende o que se estaban a lanzar bombas de palenque.
Na investigación participan axentes da Unidade de Intervención de Armas e Explosivos e un dos obxectivos é determinar se o material pirotécnico que se estaba a utilizar se axustaba á normativa, pois non todo este tipo de bombas de palenque e lumes de artificio habitualmente utilizados en festas populares pode ser manipulado por persoas particulares.
Ademais, os axentes tratarán de determinar o tipo de material que levaba o camión e que estaba a ser lanzando durante a procesión de San Cristóbal da Lama, se a persoa que o manipulaba tiña preparación e se o seu uso estaba autorizado nas circunstancias nas que se empregou na citada procesión.
Un ferido segue hospitalizado na Coruña con prognóstico grave e queimaduras de segundo e terceiro grao
No momento en que se produciu a explosión o camión aberto de pequenas dimensións implicado participaba na procesión de San Cristóbal da Lama realizando un percorrido pola Lama, Aguasantas (Cotobade) e Ponte Caldelas. Unha persoa que resultou gravemente ferida manipulaba os lumes de artificio mentres un grupo musical de Taboadelo (Ponte Caldelas) tocaba e animaba a procesión. A investigación tamén deberá determinar en que circunstancias se producía o transporte desas persoas e se cumpría todas as normas.
Nun momento dado, por causas que aínda non puideron ser determinadas polos investigadores produciuse unha explosión á entrada de Ponte Caldelas pola estrada de Aguasantas. Varios dos ocupantes do camión saltaron polos aires, oito resultaron afectados dalgún xeito e sete tiveron que recibir asistencia hospitalariao. Un foi trasladado por un helicóptero do 061 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), catro foron derivados en ambulancia ao Hospital Montecelo e os outros dous acudiron a este mesmo hospital pontevedrés por medios particulares.
Fontes do CHUAC confirmaron que este luns o ferido máis grave (o presidente da comisión de festas, J.B.M.L.) permanece ingresado con prognóstico grave na Unidade de Queimados do hospital coruñes con queimaduras de segundo e terceiro grao. Dos seis atendidos en Montecelo, catro recibiron a alta ao longo da xornada do sábado e dous permanecen hospitalizados con queimaduras de diferente consideración e lesións de otorrinolaringoloxía, segundo fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).