Os empresarios de Alicante interesados en Construcciones Crespo renuncian a súa compra
Por Anxo Lourido
A última esperanza de salvación para Construcciones Crespo esvaeceuse despois de que os empresarios de Alicante, os irmáns Serna Rocamora, decidisen desistir da adquisición da empresa construtora.
Os empresarios, segundo explicaba o representante da CIG, Xaquín Agulla, argumentaron para retirar a súa oferta a lentitude do proceso xudicial de liquidación no que se encontra a construtora e mañá presentarán un escrito no xulgado para que quede constancia formal da súa decisión. Previamente xa lle comunicaron tanto ao administrador concursal coma aos representantes sindicais a súa intención.
Estes empresarios presentaran por escrito, a finais de xuño, o seu interese en adquirir a construtora no Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra coa intención de conseguir a totalidade do plantel, que se encontra formada por 84 traballadores. Tras esta primeira proposta, presentaron un plan de viabilidade na que se reducían as condicións iniciais, de maneira que só estarían interesados en continuar coa actividade da empresa facéndose cargo de 29 traballadores.
Segundo indica Xaquín Agulla, esta intervención dos empresarios alacantinos "parece responder a unha cortina de fume" e destaca que rexeitaron calquera relación con Anxo Ramirez, actual propietario de Construcciones Crespo.
Actualmente a empresa continúa en proceso de liquidación e cun expediente de regulación de emprego extintivo para todo o equipo, formado principalmente por traballadores con idades que superan os 45 anos.
Relacionadas:
-
O plantel de Construcciones Crespo pide a Cores Tourís que a Xunta lle manteña as obras adxudicadas
Por Redacción |
-
Uns empresarios de Alicante fan unha oferta para adquirir Construcciones Crespo
Por Redacción |
-
Os traballadores cren que as contas ofrecidas por Construcciones Crespo non xustifican o peche
Por Redacción |