Marcón apúntase á solidariedade a través da reciclaxe de móbiles
Por Anxo Lourido
A Asociación San Miguel de Marcón púxose en marcha para sumarse á campaña Llamada Solidaria, consistente na recollida de móbiles en desuso co obxectivo de axudar en tratamentos, investigación e ensaios clínicos que permitan superar enfermidades estrañas e patoloxías que aínda non teñen curación.
O obxectivo que se formula a asociación, segundo indicou o secretario do colectivo Sindo Cuñarro, é lograr ata xullo de 2015 máis de cincocentos móbiles a través dunhas caixas que se instalarán en 13 bares dos lugares da parroquia de Marcón e que, posteriormente, recollerá a empresa Residuos Electrónicos de Toledo, responsable de reciclar os vellos terminais móbiles dun xeito totalmente eficiente. Os fondos que se obteñan irán destinados á investigación de enfermidades como, entre outras, a síndrome de Angelman, a cardiopatía conxénita ou a patoloxía mitocondrial.
A idea xurdiu entre estes veciños a raíz de coñecer a situación dun neno de Portonovo que sofre unha destas enfermidades e decidiron buscar fórmulas para axudar nestes casos. Agora queren poñerse en contacto con outras parroquias de Pontevedra para que colaboren con esta campaña.
Sindo Cuñarro indicou que estes teléfonos móbiles que deixan de utilizarse perden o seu valor no mercado e, grazas aos compoñentes que conteñen, poden reciclarse e cos beneficios apoiar estas iniciativas solidarias.