Xulgan a unha familia arousana por branqueo de diñeiro do narcotráfico
Por Oskar Viéitez
"Sempre fun moi traballador, con 15 anos xa tiña un negocio de pedaletas na praia de Samil" Os maxistrados da Audiencia provincial de Pontevedra xa están afeitos escoitar testemuños por parte de narcotraficantes que se sentan no banquiño acusados de blanqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas.
Hoxe foi a quenda de José Secundino Fernández Fernández de 46 anos, un arousano que foi condenado en dúas ocasións por tráfico de estupefacientes, como membro dunha organización adicada a introducir haxix en España da que formaba parte Laureano Oubiña. Aínda ten pendente outro xuízo por tráfico de cocaína no que tamén está procesado.
A fiscalía sostén que o diñeiro que Secundino adquiría co narcotráfico lavábase nunha trama familiar coa compra de pisos, fondos de investimento, coches, incluso un Cadillac tipo limusina.
Sentados ao seu carón no banquiño estaba a súa nai Rosalía F.C., o seu irmán Gabriel F.F. a súa ex esposa Yolanda W.F. así como a súa noiva Alicia L.F. e un amigo Eugenio V.C.
O fiscal interrogou ao principal acusado por toda unha serie de operacións como a compra de pisos, de importantes cantidades en fondos de investimento, a compra das sociedades Promopom e García e Meis, así como varios vehículos, entre eles, dous Audis e o Cadillac.
Secundino pola súa banda tratou de xustificar este patrimonio no seu traballo na construción, "aínda que nunca tiven contrato" tampouco se fiaba dos bancos, segundo explicou ao tribunal polo que as contas correntes estaban sempre a nome da súa nai, a súa muller ou o seu irmán.
Ademais da construción, era encargado dun pub en Portonovo (a nome da súa noiva), e era intermediario na compra de coches para un concesionario de Vigo "sacaba de comisión uns mil euros por cada coche, e vendía moito", dixo.
En canto aos fondos de investimento, Secundino explicou que "Alicia a súa noiva- era axente de Catalana Occidente" e encargábase dos investimentos en Bolsa, Plans de pensións, Fondos, Seguros, e demais "eu nin sei o que tiña", admitiu.
A fiscalía acusaos dun delito continuado de blanqueo de capitais procedentes do narcotráfico polo que pide para o principal acusado a pena de seis anos de prisión e multa de setecentos mil euros con responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada 4.000 euros que deixe de aboar.
Para o resto de acusados pide cinco anos de prisión e multa de 650.000 euros excepto para o seu amigo EugenioV.C. con quen comprou o Cadillac, que pola súa implicación na trama rebaixa a solicitude de pena a 4 anos de prisión e multa de 20.000 euros.
Ademais solicítase o comiso de todos os bens e efectos intervidos.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra xulga por narcotrafico a unha rede liderada por un ex socio de Oubiña
Por Redacción |
-
O Supremo confirma a condena por branqueo de capitais a 'Dino' Fernández, ex socio de Oubiña
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia condena a cinco anos de cárcere a un ex socio de Laureano Oubiña
Por Redacción |
-
A xuízo por lavar cartos da droga mercando pisos, empresas ou coches de alta gama
Por Oskar Viéitez |