Punta Moreiras, novo enclave para homenaxear ás xentes do mar
Por Redacción
Unha colección de 42 pezas escultóricas renden homenaxe dende este martes ás xentes do mar en Punta Moreiras (O Grove). Trátase dunha serie de pezas alusivas a edificacións, figuras humanas e animais elaboradas pola Escola de Canteiros que crean un novo espazo de ocio e información.
A colección de pezas escultóricas e arquitectónicas reproducen os símbolos máis característicos do mar e dun porto pesqueiro e a Deputación Provincial (promotora da iniciativa) resalta que forman unha perfecta simbiose cultural co Museo de Salazón, ubicado nas proximidades e é punto de visita de excursións de escolares e turistas.
Os espazos de ocio e de información habilitados no entorno inclúen exposicións que rememoran as artes de pesca tradicional, a fauna marina típica das costas galegas e as actividades que, ainda que se desenvolvan en terra, están estreitamente vencelladas ao mar.
As pezas, realizadas pola Escola de Canteiros, promoven o achegamento dos cidadáns aos valores arquitectónicos e escultóricos da arte da pedra en Galicia, perpetuando un oficio milenario, o da pedra e a canteiría.
As 42 esculturas agrúpanse en cinco zonas. A primeira está adicada aos peixes e inclúe golfiños, unha aleta de tiburón, unha estrela de mar ou un mariñeiro bébedo. Na segunda zona represéntase unha lonxa con pezas como un home esperando a venda de peixe, caixas con peixes ou unha mesa de venta. Na zona 3 o eixo central son os nenos e as aves e hai un faro, cormoráns, unha gaivota morta, nenos sentados na praia, o brazo dun home afogándose ou restos dunha barcaza encallada.
A zona 4, tamén adicada aos peixas, inclúe esculturas dun neno sobre un norai, un mariñeiro tirando dun cabo, pulpo, raia, percebes ou vieiras E xa na última zona conflúen unha redeira, unha tartaruga, unha cola de balea e tumbonas que conforman unha minizona de Mirador.