Un Dinamograma Urbano xa cobre as fachadas do pavillón universitario
Por Redacción
O lavado de cara do Pavillón Universitario de Pontevedra xa está completo. Nos últimos meses xa se instalara unha nova sinalización para facer máis visibles e identificables estas instalacións e agora dáse por rematado o proceso polo que as paredes acabaron cubertas por un Dinamograma Urbano.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, o estudante de doutoramento de Belas Artes Diego Germade finalizou este mércores o proceso de execución deste mural. Foi o responsable de dotar dun novo aspecto as fachadas do pavillón das rúas Padre Gaite e Cruz Vermella logo de resultar gañador do concurso de ideas convocado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Durante os últimos 16 días estivo á fronte do equipo de traballo que renovou a imaxe do pavillón e, ao rematar, sinalou que "a verdade é que todo saíu ben, sen sobresaltos, e o mural quedou como esperabamos, polo que estamos moi contentos realmente".
O equipo de traballo complétano Begoña Paz, María Covadonga, Ana Germade e Isaac Sucasas. Entre os cinco cubriron as fachadas de 46 e 30 metros de longo cun deseño que buscaba a "unidade mínima que expresase o movemento". O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, aplaudiu que permite renovar a imaxe do pavillón ao tempo que resulta "harmonioso coa súa contorna".