O Pavillón Universitario faise un tatu
Por Redacción
O Pavillón Universitario verá renovada por completo a súa faciana antes do 30 de xuño coa execución en dúas das súas paredes do mural deseñado polo alumno do Máster en Arte Contemporánea, Diego Germade, gañador do concurso de ideas convocado pola Vicerreitoría do campus para dotar dunha nova imaxe a esta instalación deportiva.
A través da abstracción, este arquitecto buscou para o seu proxecto Dinamograma Urbano plasmar unha "unidade mínima que expresase o movemento", coa que deseñar o patrón que nas próximas semanas plasmará en dúas das paredes do edificio.
En total, presentáronse unha ducia de proxectos a este certame aberto ao alumnado do campus e dotado cun premio económico de 2.000 euros. Finalmente, o xurado composto por representantes da Vicerreitoría, da Facultade de Belas Artes e do Servizo de Deportes, acordou conceder o galardón a Germade.
Dado que o tema do mural debía xirar arredor da actividade deportiva, o autor optou por non centrarse nun deporte en concreto, senón tratar de reflectir algo que une a todos os deportes, como é o movemento e o dinamismo e, ao mesmo tempo, recoller os valores de sociabilidade e compañeirismo que transmite, a través da repetición a diferentes escalas dun patrón co obxectivo de expresar a idea de varias persoas compartindo actividade.