Un detido polo secuestro nun chalé de Vilagarcía que acabou cun Audi A6 ardendo en Meis
Por Redacción
A Policía Nacional detivo este venres un home de 32 anos pola súa presunta implicación no secuestro rexistrado en novembro de 2013 nun chalé de Vilagarcía que acabou cun Audi A6 ardendo nunha estrada secundaria de Meis. Seguen sen localizar outras dúas persoas por estes feitos.
Segundo informou a Policía Nacional, axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Salamanca localizaron e identificaron este varón a instancias da Comisaría de Vilagarcía. Atribúenselle os delitos de detención ilegal, roubo con intimidación, subtracción de vehículos e danos.
O arrestado é un home de iniciais M.S.M. natural da provincia de Salamanca ao que se atribúe que con outros dous individuos entrou á forza nunha casa unifamiliar de Vilagarcía e mantivo retidas baixo ameazas de morte e extorsión a dúas mulleres.
As presuntas vítimas deste secuestro son familiares dun individuo que está cumprindo condena por un delito contra a saúde pública. Antes de abandonar o lugar, leváronse xoias, diñeiro e dous vehículos. Un apareceu queimado nunha estrada secundaria de Vilanoviña (Meis) e o outro, un A8, foi recuperado na saída de Vilagarcía a Pontevedra.
O detido, foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Salamanca e a Policía Nacional mantén aberta a investigación para localizar e deter as outras persoas presuntamente implicadas nestes feitos.
Relacionadas:
-
Investigan un secuestro nun chalé de Vilagarcía que acabou cun Audi A6 ardendo en Meis
Por Natalia Puga | Creada e actualizada