Kiko da Silva dá a benvida á Semana Grande de Pontevedra
Por Diego Espiño
A Boa Vila está en festas. O debuxante Kiko da Silva foi o encargado este ano do pregón que inicia a Semana Grande das Festas da Peregrina 2014.
Ante unha poboada Praza de Mugartegui o creador da primeira escola de ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético, repasou a historia da banda deseñada en Galicia e a súa vinculación coa cidade, á que chegou no ano 1997 dende Vigo e da que asegura terse namorado porque "un non é de onde nace, senón de onde decide estar".
Kiko da Silva: "Só lle pido ao señor alcalde que teña coidado ao acender o foguete, non vaia a pasar nese intre un paxaro, un avión ou o mesmísimo Supermán".
Kiko da Silva atreveuse mesmo a realizar unha caricatura do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, antes de desexar unhas boas festas a todos os pontevedreses nun balcón no que tamén se encontraban a concelleira de Festas, Carme da Silva, o tenente de alcalde Antón Louro e o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira.
O ilustrador fixo só unha última advertencia ao rexedor capitalino antes de cederlle a testemuña para o tradicional chupinazo: "teña coidado ao acender o foguete, non vaia a pasar nese intre un paxaro, un avión ou o mesmísimo Supermán".
Lores recolleu a testemuña para berrar un "que comencen as Festas da Peregrina! " co que arranca unha semana de diversión e actividades na cidade de Lérez.