Os traballadores rexeitan o prego de condicións do novo servizo de limpeza de Poio
Por Anxo Lourido
A reunión mantida entre representantes do goberno local de Poio con sindicalistas de UGT resultou infrutuosa ao non chegar a un acordo sobre o prego de condicións para a próxima concesión do servizo de limpeza do municipio.
Os representantes dos trece traballadores que realizan actualmente o servizo concentráronse este mediodía ante o Concello de Poio para protestar ante o temor de que se poidan perder postos de traballo coas novas condicións. Consideran que a concesión sería demasiado longa xa que está prevista para 16 anos con dous de prórroga e rexeitan que non se garanta durante eses anos a continuidade laboral do persoal actual dentro da empresa que se faga cargo do servizo.
Segundo afirma Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, "deixan en man das empresas para que desenvolvan o proxecto e as empresas tiran a unha maior flexibilidade que, ao final, significa despedimentos".
Pola súa banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, explica que se tivo que descartar a posibilidade do rescate da concesión e municipalizar o servizo polos custos que supoñería para o Concello e que optaron por unha nova concesión ao considerar que é a opción menos gravosa para o municipio. Alega que o Concello non pode evitar que a empresa poida chegar a despedir os traballadores con indemnizacións despois de subrogalos: "Nós o que queremos é que se dea un bo servizo a menos custo e subrogar as 13 persoas que están traballando agora e iso é o que se recolle no prego".
A finais de setembro finaliza o prazo para presentar as ofertas e o alcalde de Poio espera que antes do novo ano estea solucionado o concurso. E engade que a fórmula escollida é a máis beneficiosa para as partes.
Relacionadas:
-
UGT arremete contra o alcalde de Poio pola adxudicación do servizo de recollida de lixo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Seis empresas aspiran á concesión do servizo de lixo en Poio
Por Redacción |
-
UGT denuncia que o novo contrato de lixo de Poio condena a "precarización" do servizo e os traballadores
Por Natalia Puga |