UGT denuncia que o novo contrato de lixo de Poio condena a "precarización" do servizo e os traballadores
Por Natalia Puga
O contrato para a limpeza e recollida de lixo que acaba de sacar a licitación o Concello de Poio aboca os traballadores a unha "precarización" das súas condicións de traballo e fai prever "moitos problemas" e unha deficiente cobertura no servizo que se presta os cidadáns. Así o alerta o sindicato UGT, que denuncia que o presuposto fixado pola Administración local é demasiado baixo como para que a empresa adxudicataria logre cubrir o servizo e manter os traballadores e as súas condicións laborais.
O responsable da área de Servizos de Limpeza de UGT Galicia, Juan Carlos Corredoira, explicou que o Concello de Poio sacou a licitación o servizo por 747.896,24 euros (máis IVE), dos que a empresa que resulte adxudicataria deberá recadar ao redor de 100.000 euros a través da reciclaxe. Con estas cifras, calquera empresa que opte ao concurso e resulte adxudicataria deberá facer recortes ou no servizo prestado ou nas condicións dos traballadores.
O contrato inclúe que se subrogará o contrato aos 13 traballadores actuais (a concesionaria actual é a empresa Cepsa e xa ten o contrato prorrogado) e que estará operativo durante un período de 16 anos, coa obriga dun cambio de maquinaria aos oito anos. Este contrato tan longo tamén afectará ás condicións do servizo e ás circunstancias laborais do persoal, pois implica "hipotecar os soldos 16 anos e imos ter problemas neste sentido". O período tan longo de duración do contrato comprometerá o bo funcionamento deste porque na actualidade xa se detectaron problemas para poder prestar o servizo con calidade e cadrar as quendas de traballo.
O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, ve neste contrato unha "condena a longo prazo" e reclama do Concello de Poio un "compromiso" para garantir a calidade do servizo nun municipio do que parte da súa economía depende nalgunhas estacións do ano do turismo e, polo tanto, da imaxe que se dá ao visitante, así como para que os traballadores vexan cubertas unhas condicións laborais "dignas".
Ao respecto, Ramón Vidal denuncia que o contrato compromete a empresa adxudicataria a subrogar os contratos actuais, pero que non ofrece "ningunha blindaxe respecto dos traballadores e da situación laboral" e considera que o Goberno local, "por compromiso e ideoloxía" debería dar máis estabilidade e promover a continuidade no servizo.
CRÍTICAS A URBASER
Corredoira e Vidal mostraron este mércores o apoio de UGT Pontevedra cos traballadores da empresa Urbaser que están en folga en Lugo e criticaron que esta compañía mantén actitudes "chulescas" e "mafiosas" das que xa fixo gala en conflitos laborais anteriores como o de Vilalba (Lugo) e Soutomaior.
Ante esta situación e o "atropelo aos dereitos dous traballadores" do que fai gala a empresa, piden a implicación dos alcaldes da bisbarra e que teñan en conta como se comporta Urbaser antes de contratalos ou subcontratarlles servizos.
Relacionadas:
-
UGT pide que se incremente o número de operarios na recollida de lixo en Poio durante o verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UGT arremete contra o alcalde de Poio pola adxudicación do servizo de recollida de lixo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Seis empresas aspiran á concesión do servizo de lixo en Poio
Por Redacción |
-
Os traballadores rexeitan o prego de condicións do novo servizo de limpeza de Poio
Por Anxo Lourido |