Preto de 21.000 persoas farán turismo interior para coñecer a provincia a través da Deputación
Por Redacción
Un total de 20.959 persoas participarán este ano no programa 'Coñece a túa provincia' a través de 362 asociacións de todos os concellos que solicitaron formar parte desta iniciativa coa que a Deputación provincial quere promover o turismo interior e animar aos pontevedreses a coñecer os recursos da provincia. Ao mesmo tempo, con esta iniciativa búscase colaborar na organización de actividades dos distintos colectivos.
As comarcas máis demandadas polos usuarios son Arousa e Deza e as rutas que contan con máis aceptación son as que levan aos parcipantes á Illa de Ons e ás vilas turísticas de Sanxenxo e Portonovo. Estes parajes foron demandados por 66 asociacións, seguidos pola Ruta Marítima, que inclúe un paseo en barco de Arousa ao Grove cunha degustación de produtos do mar, ademais dunha visita ao Grove e á Illa da Toxa, ao mirador de Siradella e ao paseo de Pedras Negras. Esta opción foi solicitada por 44 asociacións.
O programa oferta outras 20 rutas e todas elas contaron con solicitudes por parte das asociacións de diferentes colectivos (mulleres, novas, maiores, persoas con discapacidad, asociacións de veciños...). As propostas pretenden mostrar os recursos naturais e arquitectónicos, históricos, etnográficos, culturais e de turismo activo coa práctica de Surf ou Kayak.