César Abal critica o "nacionalismo aburguesado" do BNG por non acudir ao acto cívico de Bóveda
Por Anxo Lourido
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, César Abal, expresou durante este xoves 21 a súa "tristeza y vergüenza" polas palabras da concelleira de Fiestas, Carme da Silva, nas que afirmaba que o edil popular daba a impresión de ser "herdeiro do franquismo". Neste sentido, Abal apuntou esta mañá que "no todo vale en política, y menos recurrir al insulto y a la calumnia para defenderse. Como oposición es nuestro deber preguntar y fiscalizar, y el del gobierno, dar las explicaciones pertinentes".
Segundo o concelleiro popular, o pasado domingo participou no acto cívico en homenaxe ao galeguista Alexandre Bóveda que se celebrou no cementeiro de San Mauro e atacou ao BNG de Pontevedra asegurando que non acudira ningún membro da formación nacionalista da cidade, aínda que se estaban o alcalde de Poio e representantes de Anova. "Para este nacionalismo aburguesado del BNG de Pontevedra es más cómodo un domingo de 28 grados de calor estar en la playa antes que estar homenajeando sin banderas ni colores políticos a don Alexandre Bóveda", indicou César Abal.
O popular sinalou que mantén contactos coa Fundación Alexandre Bóveda co obxectivo de que se recoñeza a figura do galeguista de xeito institucional a través do Parlamento de Galicia e anunciou que se está a traballar dende hai un semestre para que o 17 de agosto se instaure como Día dos Galegos Mártires e se recoñeza a figura de todos os represaliados. "Yo con eso estoy totalmente de acuerdo", apuntou o concelleiro, que rexeita presentar unha denuncia contra Carme da Silva por telo denominado "herdeiro do franquismo".
Neste sentido, César Abal lamentou que se recorrese a Franco e ao franquismo para "no dar explicaciones de la utilización partidista de un concierto pagado por todos los pontevedreses" en referencia á actuación da cantante Sés, organizada polo Concello de Pontevedra, que aparecía recollida nun folleto publicitario de actos do BNG.