Condena rotunda ao último crime machista de Barro coa mirada posta no coidado das dúas orfas
Por Redacción
Pontevedra, Barro, Marín e Santiago saíron este martes á rúa para condenar o último crime de violencia de xénero rexistrado en Galicia, no que o luns Mónica Lorenzo López faleceu de dous disparos supostamente perpetrados polo seu marido, Daniel Carballal Moldes, que despois acabou coa súa vida aforcándose. Nas catro localidades realizáronse concentracións de protesta na que a mirada estivo posta nas dúas fillas menores do matrimonio, dúas orfas de curta idade ás que se está a prestar asistencia psicolóxica.
As nenas encóntranse a cargo dos seus padriños, que o luns pola mañá as recolleron na vivenda de Portela (Barro) onde se produciu o crime. As orfas estaban no interior da vivenda cando aconteceron os feitos e, cando a Garda Civil tivo constancia do sucedido e localizounas, ofrecéuselle atención psicolóxica.
Nos seguintes días deberán tomarse as primeiras decisións sobre o futuro das menores, ambas as dúas de curta idade, e sobre quen se fará cargo da súa custodia. Non obstante, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, explicou que aínda non se adoptaron medidas ao respecto, que é unha cuestión que depende do Xulgado de Instrución de Caldas de Reis que se fixo cargo do caso e da Xunta de Galicia, responsable da tutela de menores.
Na concentración celebrada en Barro, o alcalde desta localidade, José Antonio Landín, sinalou que as nenas nestes momentos "están ben" e no lugar "onde máis tranquilas poden estar". Unha vez "todo se tranquilice un pouco", adoptaranse as primeiras medidas para garantir a súa atención e coidado.
Landín fíxose eco da "sorpresa" xeneralizada en Barro polo sucedido, sobre todo, porque non había antecedentes de violencia de xénero na parella e eran "unha familia normal que traballaba, que vivía coidando das súas fillas". Entre familiares, amigos e veciños aínda domina o "estupor" porque "son dúas vidas novas que se perden e, sobre todo, dúas nenas que quedan sen pais".
José Antonio Landín: "Son dúas vidas novas que se perden e, sobre todo, dúas nenas que quedan sen pais"
As orfas tamén estiveron moi presentes na concentración realizada en Pontevedra, onde o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reclamou que a "lacra" da violencia de xénero require "un cambio na mentalidade da sociedade en xeral e dous homes en particular". Neste caso concreto, o rexedor ve unha consecuencia directa do machismo, pois ao suposto autor do crime "o único que lle importa é o concepto de propiedade sobre a muller" e "nin lle preocupan ás fillas, que quedan desamparadas despois de semellante feito".
Antonio Coello falou dos feitos na concentración de Barro, na que quixo trasmitir o seu "más profundo pésame" ás fillas, a familia, os amigos e os veciños da parella falecida, pero cun pequeno lapso no que se referiu ao Concello de Valga como lugar do "lamentable suceso".
O subdelegado asegurou que todas as administracións "condenamos y rechazamos este tipo de actos" e, a pesar de que nos últimos meses varios casos de violencia de xénero azoutaron á provincia de Pontevedra, non quixo darlle importancia a esa circunstancia, senón que "este tipo de situaciones se puede dar en cualquier provincia, en cualquier lugar de España y en cualquier pueblo y cualquier ciudad".
"Debemos de trabajar para que no ocurra ni aquí ni en Galicia ni en Valga ni en Marín ni en ningún sitio", indicou Coello, que se referiu a determinadas informacións que apuntan a que a parella podía estar en proceso de separación para asegurar que "las motivaciones que pueden existir para deshacerse de una pareja no son objeto de investigación por parte de la Policía Judicial porque no tienen justificación, la violencia no tiene justificación en ese sentido". "Evidentemente puede haber una motivación pero no justifica esa violencia", concluiu.