O Estado embolsa os 15 millóns comisados na operación Cormorán
Por Redacción
As arcas do Estado xa se poden embolsar os 15 millóns de euros comisado aos implicados na rede de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico desarticulada no marco da operación Cormorán, xulgada e xa sentenciada pola Audiencia Provincial de Pontevedra e o Tribunal Supremo.
Precisamente, o Supremo acaba de ditar unha sentenza enla que confirma a resolución da Audiencia de Pontevedra, de tal forma que xa se considera firme e se pode proceder ao comiso definitivo dos bens intervidos aos testaferros do suposto líder da trama, o narcotraficante José Antonio Pouso Rivas, 'Pelopincho'. El non puido ser xulgado ao encontrarse fuxido da Xustiza e, segundo algunhas fontes, é posible que morto.
A sentenza do Supremo confirma as penas de prisión e multas de máis de 72 millóns de euros xa establecidas pola Audiencia Provincial, pero o comiso dos bens non podía ser definitivo mentres estivese pendente de resolución o recurso de casación interposto por seis dos 30 procesados. O resto non recorreron porque foron condenados coa súa conformidade ao admitir o acordo proposto pola Fiscalía.
Os bens en cuestión que acaban de ser desbloqueados van dende cantidades de diñeiro en metálico, vehículos de alta gama, inmobles e locais comerciais, obras de arte ou xoias.
O resto da sentenza do Supremo non supón sorpresas. Unicamente disente en que a fianza pagada por dous dos acusados para saír do cárcere tras ser detidos na operación Cormorán non sexa comisada. Así, sinala que "non aparece a menor referencia á orixe ilícita do diñeiro da fianza persoal" de Gloria Milena Salazar e Benito Suárez Bouzón, senón que as achegaron terceiras persoas non implicadas na trama.
Relacionadas:
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |
-
Un macroxuízo sentará no banco á rede acusada de sementar de fardos de droga as Rías Baixas
Por Natalia Puga |
-
Unha pontevedresa reclama como seu un piso embargado a Franco Argibay no caso Cormorán
Por Natalia Puga |