Os mil bautizos da Lanzada
Por Redacción
1.000 nenos probaron a navegar sobre as ondas na praia de A Lanzada desde comezos de agosto ata esta semana. Fixérono nos bautismos de surf que a Deputación de Pontevedra incluíu como nova actividade no programa dos campamentos que impulsa cada ano e nos que participan un total de 2.200 rapaces distribuídos en 11 quendas.
O surf sumouse á oferta dos campamentos na primeira semana de agosto e todos os participantes en cada unha das 5 quendas que se desenvolveron desde entón tiveron ocasión de tomar contacto con esta modalidade deportiva, coa axuda de surfistas expertos.
Cada un dos participantes (de entre 8 e 13 anos) recibe un traxe de neopreno e licra e unha táboa e, en grupos de seis alumnos acompañados por un monitor, aprenden as técnicas básicas do deporte, primeiro con formación na area e, de seguido, na auga.
Posturas para remar, cómo superar as ondas, saber identificar as zonas de rompente ou aprender a facer o cálculo da velocidade das ondas e do seu tamaño, son só algunhas das cuestións que os máis pequenos aprenderon nestes bautismos de surf, nos que o obxectivo principal era familiarizarse co medio, aprender a manter o equilibrio e dominar as técnicas para flotar.
A deputada Begoña Estévez visitou este mércores os campamentos, para comprobar in situ o desenvolvemento dos bautismos de surf e confirmou que, dada a boa acollida que tivo a nova actividade, incluirase de forma definitiva no programa dos campamentos.
Relacionadas:
-
A praia de Foxos contará cunha escola de surf e padelsurf
Por Redacción |
-
A Deputación oferta 2.200 prazas en 11 quendas de 7 días nos campamentos de verán da Lanzada
Por Redacción |
-
O campamento de Marcos
Por Oskar Viéitez |
-
Surfeando en igualdade
Por Redacción |
-
O surf borra as fronteiras na Lanzada
Por Oskar Viéitez |