Os abolicionistas cuestionan as "escusas municipais" sobre o convenio taurino
Por Redacción
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas mostrou este venres a súa "profunda preocupación" pola xustificación do Concello de Pontevedra, a través da edil de Festas, para defender o mantemento dunha serie de convenios que dende o 2000 supuxeron "subvencións indirectas" para os responsables da praza de touros.
O voceiro da coalición, Rubén Pérez, subliñou a existencia de "alternativas reais e con maiores vantaxes económicas" para realizar as actividades baixo as que se "parapeta" o goberno municipal para xustificar os acordos coa empresa propietaria do coso de San Roque. Entre estas opcións apuntou o colectivo Touradas Fóra de Pontevedra, o estadio municipal de Pasarón, con capacidade para 12.500 persoas "que podería albergar perfectamente concertos", e o Recinto Feiral, "con diferentes posibilidades para programación cultural e social".
Subliñou a existencia de "alternativas reais e con maiores vantaxes económicas"
Pérez puxo sobre a mesa a comparativa que a cidadanía pode facer agora entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, institucións que subvencionan indirecta e directamente, de forma respectiva, as corridas de touros e a súa armazón, para recordar que o "edil taurino do BNG" aínda mantén a súa carteira de Transporte Público e Sensibilización Ambiental.
A plataforma tamén denuncia o silenciamento das case 40.000 persoas que alzaron a súa voz nunha petición da Asociación Animalista Libera contra ese convenio.
Pola súa banda na última asemblea celebrada polo colectivo Touradas Fóra de Pontevedra informouse que non obtiveron ningunha resposta ás súas demandas de información por parte da Deputación e do Concello, actitude que consideraron "impropia dunhas institucións públicas". Por iso volveron solicitar que a institución provincial informe do diñeiro que destina ás corridas e que o Concello os reciba para escoitar as súas reivindicacións.
Ademais tamén insistiron en pedir a dimisión do concelleiro do BNG Miguel Filgueira.
Relacionadas:
-
Touradas fóra de Pontevedra inicia unha campaña contra o convenio entre Concello e Praza de Touros
Por Diego Espiño |
-
Propoñen unha consulta cidadá entre os pontevedreses sobre o convenio taurino
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello manterá o convenio coa Praza de Touros por ser "claramente beneficioso" para a cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia Mellor Sen Touradas pide a dimisión de Miguel Filgueira como edil
Por Redacción |
-
Miguel Filgueira: "Cando entrei no BNG xa era taurino"
Por Natalia Puga |
-
Máis de 30.000 sinaturas en once días para que se suprima o convenio municipal coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
Os abolicionistas piden a César Abal que pregunte polas axudas da Deputación á festa taurina
Por Redacción |