O Centro Comercial Zona Monumental reclama control dos botellóns xuvenís na Feira Franca
Por Anxo Lourido
O presidente do Centro Comercial Zona Monumental, Miguel Lago, reclama o control dos botellones de mozos durante a celebración da Feira Franca en próximas edicións para evitar que se desvirtúe esta festa. Lago indicou que este ano a Feira volveu ser un éxito a pesar de estar condicionada pola presenza de chuvia. A medida que o tempo se estabilizou, a tarde resultou "impresionante, apoteósica y en la tarde noche no cabía un alfiler en la zona monumental".
Pero recordou a necesidade de evitar que a Feira Franca remate converténdose nun evento para mozos: "en las escaleras del Casino y en la Plaza del Teucro había asentamientos de jóvenes que no se encontraban en cenas. Eso hay que controlarlo", sinalou Miguel Lago que entende que o evento medieval pontevedrés non pode derivar no declive que sofre a Festa da Istoria de Ribadavia.
Lago presentaba na mañá deste martes 9 de setembro as campañas de 'Volta ao cole' deste ano. Por unha parte, a asociación que preside volve organizar este venres 12 actividades para nenos dende as 16.30 a 20.30 horas con inchables en prazas e rúas do centro histórico (Méndez Núñez, Sierra, Curros Enríquez, Valentín García Escudero e Padre Luís). Ás 19.00 horas iniciarase a Festa da escuma na Praza da Pedreira. A organización recomenda que os menores vaian con bañador, chanclas e roupa para cambiarse.
Ao mesmo tempo, dende o 10 de setembro ao 10 de outubro, vaise desenvolver, por primeira vez, unha campaña organizado conxuntamente coa Federación Galega de centros comerciais abertos na que se repartirán 690 regalos en Pontevedra a través de boletos, que se obterán por comprar nos establecementos da Zona Monumental. Sortearanse dispositivos USB, reloxos dixitais, calculadoras, camisetas e carpetas, entre outros produtos. Os non premiados optarán, a través dun sorteo, a 8 vales-compra de 25 euros. Os regalos poderán recollerse a partir do 13 de outubro.
O presidente da Zona Monumental indica que estas campañas incrementan a presenza de compradores no centro histórico que, segundo Miguel Lago, conta cunha boa saúde: "no hay muchos locales vacíos. No más que en otras épocas. Pero sí hay volatilidad, comercios que abren y cierran en un período breve de tiempo". O empresario xustifica esta situación en que no autoemprego actual se aposta por proxectos arriscados e porque algúns establecementos non son viables para unha cidade de 80.000 habitantes. Ademais, apunta a que moitos establecementos se encontran pechados porque "la renta es altísima".
En relación coa situación do Mercado de Abastos, Lago aposta porque abra polo menos un día á semana pola tarde e sinala que as tendencias noutras cidades para estas áreas comerciais se dirixen á hostalaría e ao gastrónomo. "Hay que buscar el desarrollo de otros productos elaborados y precocinados", sinalou aínda que destacou que en Pontevedra o mercado tradicional segue funcionando con forza respecto ao que sucede noutras cidades.