Louzán non descarta o proxecto de autobús dende Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo e Pontevedra a Peinador
Por Diego Espiño
A posta en marcha dunha liña de autobús que una Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo e Pontevedra co aeroporto vigués de Peinador non está descartada, segundo mantivo o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Trátase dunha vella aspiración do dirixente provincial, que admite contactos coa empresa Monbus, se ben existen "diferenzas en termos económicos" que dificultan a negociación.
Louzán asegura que "é importante ofrecer esa posibilidade a calquer viaxeiro, polo que seguiremos traballando. A nosa idea era poñelo en marcha de maneira experimental e o seguirá sendo", aínda que a última decisión corresponderá á Xunta de Galicia, autoridade competente no transporte de viaxeiros na comunidade.
As paradas escollidas para a liña, con saída en Vilagarcía e paradas en Cambados, Sanxenxo e Pontevedra, correspóndense ás estatísticas de viaxeiros que visitan as Rías Baixas.
Neste sentido o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CTES), Alejandro Touriño, apoiou a reivindicación de poñer en marcha este servizo ao entender que "todo o que sexa mellorar as comunicacions con calquera dos aeroportos é importantísimo para o sector".
Con todo Rafael Louzán defende que habilitar a liña de autobús "non é só cuestión da administración, senón de concepto de traslado colectivo", xa que entende que na provincia "somos pouco dados a este tipo de transporte".
REUNIÿN CON EMPRESARIOS TURÍSTICOS DE SANXENXO
O presidente da Deputación recibiu este martes o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo para analizar o comportamento do sector durante a campaña de verán.
A este respecto o CETS cualifica os datos de "moi satisfactorios", cunha ocupación media nos hoteis do municipio do 82,12% durante o mes de agosto, o que supón practicamente a mesma cifra que a rexistrada en 2013 (82,06%), mentres no mes de xullo se rexistrou un 68% de ocupación, un 9% máis que o pasado ano.
Por outro lado segundo o Consorcio as reservas realizáronse con maior antelación e as tarifas en tempada alta subiron lixeiramente con respecto ao pasado ano.