O antigo colexio de Marcón será derrubado para crear un miradoiro e unha gran zona verde
Por Oskar Viéitez
Os tres grupos políticos con representación no corporación municipal de Pontevedra acordaron por unanimidade impulsar a creación dun miradoiro e unha gran zona verde no ámbito que ocupa o antigo colexio de Marcón, abandonados dende a década dos 90, que se derrubará.
Trátase dun proxecto presentado pola concelleira do Partido Popular, Rosa Picallo, que hoxe "celebraba con satisfacción" o acordo alcanzado co goberno local.
Segundo explicaron o concelleiro de Facenda, Raimundo González e a propia Rosa Picallo, o primeiro paso será asinar un convenio coa Comunidade de Montes, que é a propietaria dos terreos adxacentes ao edificio para reunir un total de 21.400 metros nun ámbito cunhas espectaculares vistas.
Despois serán os técnicos do concello os que redacten un proxecto paisaxístico da zona do lugar de Pazos que incluirá o derrubamento dos edificios escolares en desuso que son de titularidade municipal. Estímase que o custo do derrubamento roldará os 30.000 euros.
Dende o primeiro momento, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu con grande interese este proxecto moi demandado polos veciños da parroquia, entre os que se encontran o rexedor e a edil popular.
O miradoiro e a zona verde sería cedida á Comunidade de Montes.