Os traballadores de Enmacosa chegan a un preacordo para suspender a folga
Por Anxo Lourido
O comité de folga e a dirección de Enmacosa chegaron a un preacordo este venres 26 para suspender a folga indefinida prevista a partir do luns 29 nesta consultoría técnica con sede en Sanxenxo.
A empresa comprometeuse a efectuar nas próximas horas o pagamento do 75% dunha das oito nóminas que se lles deben aos traballadores e o próximo mércores 1 de outubro realizaríase o pagamento do 25% restante, supeditado a que distintas administracións públicas salden as numerosas débedas que teñen contraídas coa consultora que, nalgúns casos, superan os 60.000 euros.
Segundo fontes sindicais, a empresa comprometeuse a que ese mesmo mércores se presente o concurso de acredores, unha proposta realizada polo propio comité de empresa como vía de solución á situación actual de Enmacosa. Durante esa mesma tarde, os traballadores están convocados a unha asemblea para ratificar o preacordo á espera de de que se cumpran as condicións ás que o comité e a empresa chegaron durante as últimas horas.
Entrementres, os representantes dos traballadores continuarán mantendo a súa actividade para que as administracións se impliquen en que a empresa conte con liquidez para afrontar o pagamento dos empregados e garantir o futuro empresarial. O martes 30, o comité de empresa está citado coa alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, para intentar buscar apoios por parte da primeira representante política do municipio no que se encontra asentada Enmacosa.
Relacionadas:
-
A asemblea de traballadores de Enmacosa convoca folga indefinida a partir do 23 de outubro
Por Redacción |
-
Os traballadores de Enmacosa sopesan unha "folga indefinida"
Por Redacción |
-
Enmacosa comprométese a presentar o concurso de acredores esta semana
Por Redacción |
-
Os traballadores de Enmacosa convocan unha folga indefinida para forzar o concurso de acredores
Por Redacción |
-
Traballadores de Enmacosa concéntranse ante a empresa para reclamar os seus salarios
Por Redacción |
-
Traballadores de Enmacosa reclaman a implicación da Xunta para evitar que chegue a concurso
Por Redacción |