O Sergas supervisa o remate das obras do novo centro de atención primaria de Carballedo
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde trasladará próximamente as dependencias do centro de saúde de Carballedo á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, poder reverter ao Concello o local emprazado no lugar da Igrexa.
O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, xunto co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López e técnicos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, supervisaron este venres o remate das obras de acondicionamento do local sito na planta baixa do centro multiusos de Carballedo.
Cunha superficie de 201,50 metros cadrados, conta con cinco salas asistenciais e próximamente prestará actividade sanitaria de Atención Primaria neste concello, cun cadro de profesionais dotado de dous facultativos, unha enfermeira, un pediatra e unha matrona.
Tanto Jose Manuel González coma Jorge Cubela subliñaron que, co obxecto de mellorar a accesibilidade dos usuarios, o SERGAS e o Concello de Cotobade avanzan nas xestións para que este municipio forme parte da relación de beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento do centro sanitario de referencia -electricidade, calefacción, limpeza e persoal- de acordo co convenio de colaboración entre a Vicepresidencia, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a FEGAMP, para a realización de programas de atención e protección da saúde.