Educación e o Consello Escolar do Mestre Landín enfróntanse debido á redución de profesores
Por Redacción
O claustro de profesorado e o Consello Escolar do IES Mestre Landín denuncian que os recortes que se veñen producindo nos últimos anos en recursos materiais e profesionais no ensino público afectou a este centro de Marín durante este curso.
Sinalan que se reduciu o profesorado pasando de 24 docentes a 21, indicando que o alumnado de primeiro e segundo de ESO aínda carece dun profesor de inglés, á espera de que o nomee a Xunta. Ademais, como consecuencia desta situación, desapareceron os desdobramentos de Matemáticas, Lingua castelá e Lingua galega en segundo curso de ESO e de Inglés e Ciencias Sociais en primeiro.
Reclaman, ademais, a incorporación dun especialista en Pedagoxía Terapéutica ante o elevado número de alumnos con necesidades educativas especiais e afirman que aumentou o horario lectivo do profesorado a costa do horarios destinado a preparar as clases, reunións de coordinación ou á atención a familias.
Dende a Xunta de Galicia indícase que o IES Mestre Landín é un centro de liña 2 que só ten ESO xa que este curso perdeu o ensino de primeiro de Programas de cualificación profesional inicial na modalidade C mixta. Segundo a administración autonómica esa situación supón a perda de dous profesores.
Por outra parte, dende Educación afírmase que o centro puido pedir dous profesores dentro da cota asignada ao centro: un para cubrir a praza da profesora de música, que foi desprazada a outro centro e outro para o profesor de inglés que se encontra en comisión de servizos. A Xunta indica que o centro non solicitou un docente de inglés. Ante esta situación, apuntan que a Inspección Educativa está a intentar resolver este problema e dende Educación aseguran que "o centro debe saber que conta cos suficientes medios docentes para atender os horarios do actual alumnado".