A Esdemga participa cun grupo de alumnas e tituladas nunha competición nacional de escolas de moda
Por Oskar Viéitez
Con nada menos que 50.000 euros, a repartir a partes iguais entre o grupo de traballo e a escola da que forman parte, está dotado o primeiro premio da Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, que organiza a plataforma Trendipia, e na que os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) logrou situarse entre os doce semifinalistas.
Fíxoo coa proposta de colección Human 2.0 que deseñaron as alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez, que nestas semanas traballan no deseño dunha marca de moda feminina coa que tentan vestir á muller do futuro, como elas mesmas sinalan.
O 3 de novembro Esdemga saberá se é unha das seis escolas seleccionadas para a fase final, para a que os equipos terán que confeccionar, como mínimo, seis das propostas que deseñaron na fase anterior, así como definir como sería a súa presentación no acto co que se pechará a competición en Madrid.