Retoman as negociacións en Treves cando xa se levan 13 días de folga
Por Anxo Lourido
Os representantes sindicais do comité de empresa de Trèves e a dirección da nave sentáronse esta tarde de luns 6 de outubro para negociar sobre o convenio colectivo. A xuntanza comezou ás 17.00 horas na sede da Inspección de Traballo en Vigo.
Retómanse desta forma as negociacións que finalizaban o mércores 1 da pasada semana sen que se chegase a acordo e coas distancias aínda afastadas para chegar a un pronto entendemento. Unha vez máis, na reunión encóntrase presente a mediadora do Consello Galego de Relacións Laborais.
Os traballadores manteñen a folga dende o mércores 24 de setembro ao non haber acordo coa dirección sobre os salarios e a carga de traballo. O comité de empresa reclama melloras salariais que equiparen aos empregados da nave do Campiño cos do sector do automóbil e, por outra parte, queren contar con máis carga de traballo que garanta o futuro da factoría.
Este mediodía, un amplo grupo de traballadores concentrábase ante as instalacións de PSA Citroën en Vigo, fábrica para a que Trèves realiza a maioría dos seus produtos. O equipo considera que Citroën adiantou os días de parada previstos na fábrica para dar unha marxe maior de negociación á dirección da empresa provedora de compoñentes do automóbil. Segundo os representantes sindicais, a principios desta semana a nave finalizará o stock de produción co que mantivo a distribución durante estes últimos 13 días.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Treves reclaman á Xunta que esixa á empresa máis carga de traballo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Achéganse posturas en Treves pero a folga continúa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Folga en Treves, un piquete por quendas a pé de fábrica
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada