Un roubo de cable de cobre deixa sen teléfono a 70 veciños de Cuntis
Por Redacción
Entre 60 e 70 veciños do Concello de Cuntis sufriron este luns un corte na subministración telefónica ocasionada polo roubo de 130 metros de cable de cobre.
Nalgún momento da madrugada do domingo ao luns os ladróns cortaron o cableado telefónico da empresa Movistar que dá servizo ao lugar de Magán, na parroquia de Estacas, segundo informou a Policía Local de Cuntis.
A primeira alerta do sucedido deuna un veciño de Magán que detectou que estaba sen servizo a primeira hora da mañá e alertou os servizos técnicos da compañía. Un técnicos desprazouse ao lugar e comprobou que non se trataba dun problema da terminal telefónica do veciño en cuestión, senón da liña e localizou a orixe da avaría: faltaba o cableado.
Pouco despois, un cidadán deu aviso do sucedido ao Concello, pero como xa se tiña coñecemento do problema foi derivado aos servizos técnicos de Movistar. O cable subtraeuse dunha estrada municipal que une os lugares do Casal e Magán, na parroquia de Estacas, polo medio do monte.
A Policía Local e o Goberno municipal teñen constancia do roubo do cableado de cobre, pero non poden presentar denuncia polo sucedido ante a Garda Civil de Cuntis porque non se trata de cableado de propiedade municipal.
Este roubo é o cuarto caso de subtracción de cable de cobre que se rexistra no municipio de Cuntis nas dúas últimas semanas. Segundo fontes do Instituto Armado, por este último incidente aínda non constaba a mediodía deste luns denuncia na Garda Civil, pero si polos anteriores.