Boa Vida precisa axuda para o seu novo local
Por Oskar Viéitez
A asociación Boa Vida continua o traballo iniciado e precisa da solidariedade dos pontevedreses.
A campaña de recollida de roupa e calzado tivo un parón durante o verán. Neste momento a asociación ten aproximadamente 7.000 quilos de producto textil, o que non lle permite acadar o obxectivo das 12 toneladas previstas.
Durante o mes de outubro ten en marcha unha campaña de recollida nos centros educativos da cidade para continuar coa labor iniciada, igualmente está en contacto co tecido asociativo da cidade e reparte publicidade na rúa. Espera obter a máxima cantidade posible para poder continuar a labor iniciada.
Neste sentido, os interesados poden achegarse á rúa Cruz Vermella 16, todos os días de 10 a 12 horas, e os martes de 16 a 19 horas, ou chamar ao 886160950 para que pasen a recollela polo domicilio.
Esta labor tivo unha importante axuda coa cesión de oficinas na rúa Santiña 55, pero aínda precisa da colaboración cidadá e empresarial. A constructora Abal cedeu catro vivendas unifamiliares á asociación para uso social das mesmas durante dous anos. Ata o momento téñense rehabilitado dúas pero aínda precisan materiais de construcción para continuar a rehabilitación e darlle o uso colectivo axeitado.
Entre as necesidades materiais atópanse: uralitas para restaurar o teito, instalacións sanitarias para os cuartos de baño, material de fontanería para restaurar instalación de auga, pintura, ladrillos, cemento, estufa de leña, cocina, mesas e cadeiras para a tarefa diaria, deshumificadores e calefactores, un ordenador e unha impresora, entre outros.
AXUDA Á BUSCA DE EMPREGO
A asociación pontevedresa recibiu ademais unha subvención de 33.500 euros da Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo para a posta en marcha dun dispositivo de axuda á busca de emprego e de mellora persoal. Son os chamados itinerarios de inserción social e laboral que serven de acompañamento a aquelas persoas que se atopan en situación de dificultade e precisan apoio.
Tamén se financian con este importe unha pequena parte da oficina de dereitos e deberes sociais e dous cursos de recollida selectiva e reciclaxe textil, un en Xinzo de Limia e outro en Vilagarcía de Arousa.
A implantación destes novos servizos non sería posible, destacan, sen a xenerosidade dos voluntarios da organización e particulares que realizaron donacións importantes como a pintura ou mobiliario.
Relacionadas:
-
En busca de 12.000 quilos de roupa e calzado para axuda social
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Recollida de sinaturas pola renda básica
Por Redacción |
-
Persoas en risco de exclusión poñen en marcha un proxecto de recollida de roupa usada
Por Natalia Puga |
-
A Asociación Boa Vida crea unha oficina de dereitos sociais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Reflexións no Día da Pobreza: "Este sistema nos empobrece muchísimo. Y cada vez más"
Por Natalia Puga |