Sanxenxo oferta dez programas educativos para escolares
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anunciou as propostas que poñerá en marcha durante este curso para complementar a formación dos alumnos: as Escolas Municipais; integradas polas actividades deportivas; música; o centro de arte e a ludoteca itinerante; o programa para a redución do abandono escolar e educación de adultos; o plan municipal de prevención de condutas aditivas; o curso de técnicas de estudo; educación viaria; animación á lectura; autoprotección: programa de axuda aos centros escolares; educación para a igualdade; educación ambiental e o programa municipal de voluntariado.
Distintas concellarías únense para desenvolver este plan de actividades dirixidas fundamentalmente aos escolares, coa idea de que contribúan positivamente no seu desenvolvemento persoal. Transmitíronllo esta mañá os responsables dos distintos departamentos municipais implicados nesta iniciativa aos representantes dos centros educativos e asociacións de Nais e Pais de Alumnos.
A concelleira de Benestar Social e Deportes, Isabel González, explicou no encontro celebrado este mércores 8 no Pazo Emilia Pardo Bazán que se cambiaba a denominación do plan de prevención de drogodepencias ao de prevención de condutas aditivas porque se están a ampliar as adiccións máis alá das drogas como, por exemplo, as novas tecnoloxías. A través do departamento de Educación vaise ampliar o programa de animación á lectura, que incluirá sesións de contacontos para os escolares de Infantil.
Haberá novidades como a realización dun simulacro de evacuación en caso de incendio nun autobús, dentro das sesións orientadas aos estudantes de Educación Infantil e Primaria; e a convocatoria dun concurso de debuxo sobre a sinalización vertical e o Poli Paco.