Aproban a primeira fase das obras de reforma urbana da avenida de Compostela
Por Alejandro Espiño
Antes de que finalice o presente ano, o Concello de Pontevedra pretende ter completado a primeira fase das obras de reforma urbana da Avenida de Compostela. Tras conseguir a súa titularidade a pasada primavera, o goberno municipal deseñou unha actuación que busca converter unha "vía de alta capacidade" nun espazo no que a mobilidade peonil e ciclista teña prioridade sobre os vehículos, segundo explicou o concelleiro Luis Bará.
A licitación destas obras foi aprobada este mércores nunha Xunta de Goberno extraordinaria.
Nesta primeira fase, que conta cun presuposto de 158.262 euros, actuarase no eixe que une as pontes do Burgo e os Tirantes, eliminando a barreira existente actualmente en forma de mediana. Crearase un gran paso de peóns, que levará incorporado un carril bici, para poder cruzar con maior seguridade á altura de Rafael Areses.
Nesta rúa, ademais, suprimiranse os aparcadoiros na beirarrúa pegada ao río, reduciranse a un os carrís de circulación e crearase un carril bici duns tres metros de ancho que estará sinalizado sobre a calzada e separado do tráfico mediante unhas bandas rugosas.
En sucesivas fases, actuarase entre a rotonda de Avenida de Bos Aires e este novo paso peonil, onde os catro carrís de circulación quedarán en tres (dous de saída e un de entrada), eliminarase toda a mediana e ampliaranse as beirarrúas da ponte; e posteriormente ata a rotonda de Pasarón, zona que terá dous carrís para cada sentido. Ademais, cambiarase a entrada ao aparcadoiro disuasorio situado en fronte do Pavillón, crearanse zonas verdes e habilitaranse en total cinco pasos de peóns.
Trátase dunha actuación global que busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nunha zona que é, segundo Bará, un "punto estratéxico" para a mobilidade peonil e ciclista debido á proximidade da zona escolar, deportiva e de ocio da Xunqueira.