O novo edificio xudicial, único gran proxecto para Pontevedra nos orzamentos da Xunta para 2015
Por Redacción
A Xunta de Galicia presentou este luns o proxecto de orzamentos para 2015. En liñas xerais, alcanzan os 8.436 millóns de euros. ÿ a primeira vez que crecen as contas autonómicas dende o ano 2009. Segundo explicou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, o goberno galego priorizará o gasto nas provincias de Lugo e Ourense co obxectivo de afondar no reequilibrio territorial entre as distintas provincias galegas.
Neste sentido, a Xunta investirá 732 euros e 673 euros por habitante, respectivamente, nas provincias de Lugo e Ourense. Estas cantidades superan o gasto por cidadán que o goberno autonómico destinará ás provincias atlánticas: 401 euros na Coruña e 396 na de Pontevedra, que recibe a menor contía neste proxecto de orzamentos.
En todo caso, Elena Muñoz destacou que se trata dunhas contas que priorizarán os investimentos sobre os gastos financeiros e de amortización de débeda. Ademais, seguirán tendo un peso importante todas as consellerías do ámbito social como Sanidade, Cultura e Educación ou Traballo e Benestar Social, cuxa consignación aumenta unha media de 0,45%. A pesar diso, é Vicepresidencia a que presenta un aumento maior, un 16,8%.
Con respecto aos investimentos directos que estes presupostos autonómicos para 2015 recollen para a cidade de Pontevedra, destacan os 1.744.658 euros que a Xunta consignou para a construción do novo edificio xudicial da Parda. O investimento restante divídese nos dous anos seguintes, ata 2017, a razón de 9.127.566 euros en cada un dos devanditos exercicios económicos.
ÿ o único gran proxecto que figura para a capital da provincia, xa que de novo o hospital de Monte Carrasco só aparece cunha partida xenérica de 26.085 euros para realizar diversas actuacións sen detallar.
Ademais, a Xunta prevé destinar 1,6 millóns de euros para concluír a construción das vivendas de promoción pública no polígono de Valdecorvos, 679.339 euros en obras en infraestruturas deportivas (136.855 deles no Centro Galego de Tecnificación Deportiva), 232.278 euros para equipamento do laboratorio de medio ambiente de Lourizán, ou case 650.000 euros para garantir a operatividade do servizo de gardacostas.
Dentro das partidas xenéricas relativas, entre outras, a obras en colexios, tamén se espera que a Xunta destine cantidades importantes a afrontar actuacións pendentes na cidade, como a que aínda non se completou no CEIP Froebel.
Relacionadas:
-
O PSOE insta á Xunta a que inicie o novo edificio xudicial para que estea rematado en 2016
Por Redacción |
-
A débeda da Deputación de Pontevedra situarase nun 38% ao rematar este ano 2014
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A oposición rexeita os presupostos "tramposos" da Xunta por ser "sectarios" con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os orzamentos da Xunta son valorados como: bos, discriminatorios ou unha tomadura de pelo
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda non descarta cambios nos novos xulgados, que empezarán a construírse "cando teñamos os terrenos"
Por Alejandro Espiño |