O Sánchez Cantón e A Xunqueira II envían aos móbiles dos pais as faltas e as notas dos seus fillos
Por Redacción
Sete centros educativos das comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés teñen á súa disposición a aplicación AbalarMóbil, que lles permite seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles. Entre eles, o IES Sánchez Cantón e A Xunqueira II.
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, as incidencias creadas polo profesorado así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo e modificar o idioma da aplicación.
AbalarMóbil pode descargarse dende o espazo da Xunta de Galicia no Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android).
A principal vantaxe desta ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.
Outro dos eixos fundamentais do proxecto Abalar é o repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, que se está a consolidar como o punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado máis 2,6 millóns de descargas.
Centro | Concello |
CEIP de Rubiáns | Vilagarcía de Arousa |
CEIP Rosalía de Castro | O Grove |
CEP Plurilingüe de Riomaior | Vilaboa |
IES A Xunqueira II | Pontevedra |
IES Fermín Bouza Brey | Vilagarcía de Arousa |
IES Plurilingüe Aquis Celenis | Caldas de Reis |
IES Sánchez Cantón | Pontevedra |
EspazoAbalar conta con 2.200 recursos educativos dixitais complementarios, dispoñibles en sete idiomas, para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.