Dispositivo especial de tráfico da Policía Local para regular o acceso aos cemiterios
Por Redacción
A gran afluencia que se agarda estes días nos cemiterios pontevedreses levou á Policía Local de Pontevedra a deseñar un dispositivo especial de tráfico nas inmediacións dos camposantos de Lérez e San Amaro, os dous máis grandes da cidade.
No caso de San Amaro, co fin de facilitar o estacionamento a ambos lados, dado o escaso espazo dispoñible será preciso desviar o tráfico nas inmediacións, deixando unha vía de entrada e outra de saída para evitar atrancos e retencións.
Dese xeito, o acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Mauro cara a rúa Camposanto, polo que se impedirá o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro cara ao cemiterio, desviando o tráfico a altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara Xoán Carlos I.
Con respecto ao de Lérez, permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e o aparcadoiro, polo que se establecerá un sentido único de circulación. Así, a entrada ao camposanto farase polo interior da zona da Piolla e a saída seguindo esta mesma vía cara o Outeiro, onde se accede novamente á estrada de Campolameiro.