Dous traballadores presentarán unha alternativa empresarial para continuar coa actividade nos quioscos de Cogami
Por Anxo Lourido
Os traballadores dos quioscos de Cogami na cidade mantiveron durante a xornada deste mércores 5 unha xuntanza en UGT para buscar alternativas á súa situación laboral. Dende que a Rede Galega de Kioscos, encargada da xestión dos locais comerciais, entrou en concurso de acredores, os empregados non cobran pero teñen que continuar mantendo a actividade ata que se lles comunique o cesamento de actividade. O quiosco da Praza de Galicia aparecía hoxe practicamente sen material para a venda ao público e levan xa dende os últimos días da semana pasada sen vender prensa diaria.
Durante a reunión, segundo explicou o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, expúxose que dous traballadores que traballaran na Rede Galega de Kioscos van presentar unha alternativa para xestionar tanto en Pontevedra coma na Coruña os quioscos. Os dous contan con experiencia na xestión destes quioscos nas dúas provincias. Polo momento, o proxecto encóntrase en elaboración pero tería unhas características similares aos da Rede Galega de Kioscos e o obxectivo que teñen é presentar en breve a proposta ao administrador concursal.
Os traballadores encóntranse agora no proceso para coñecer se existe fluxo económico para que a Rede Galega de Kioscos aborde as liquidacións derivadas do expediente de regulación extintivo. Estes empregados non descartan outro tipo de alternativas para afrontar unha saída laboral e continuar coa actividade aínda que, polo momento, a idea inicial de poñer en marcha unha cooperativa perde forza, segundo fontes sindicais.
Relacionadas:
-
Cortan a luz e a auga aos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Un avogado de Santiago será o administrador no concurso da Rede Galega de Kioscos
Por Redacción |
-
Reclaman a retirada do concurso de acredores dos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Os traballadores da Rede Galega de Kioscos concéntranse en contra do ERE extintivo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de quioscos afectados polo ERE extintivo, sorprendidos pola decisión empresarial
Por Redacción |
-
A Rede Galega de Kioscos presenta un ERE extintivo para 16 persoas con discapacidade en Pontevedra
Por Redacción |