Portos de Galicia substituirá os pantaláns que se danaron en Aguete polos temporais
Por Redacción
Os pantaláns do porto de Aguete danados polos temporais serán substituídos por uns novos. Así llo avanzou este xoves o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, á alcaldesa de Marín, María Ramallo, na xuntanza que ambos mantiveron na casa consistorial da vila para abordar as actuacións que se desenvolverán neste peirao de titularidade autonómica.
Portos de Galicia está a tramitar xa a adquisición e instalación destes novos pantaláns en substitución dos existentes. Deste xeito, nas vindeiras semanas, as instalacións náutico recreativas de Aguete contarán con novas infraestruturas de amarre que contribúan á maior seguridade das embarcacións.
Esta actuación requerirá dun investimento de máis de 50.000 euros e dá resposta a unha demanda reiterada por parte dos usuarios do peirao de Aguete así como do Concello de Marín.
Os novos pantaláns, ao igual que os existentes ata o momento, serán xestionados de xeito directo por Portos de Galicia, que ostenta a explotación desta infraestrutura e coordina a operatividade do peirao xunto co clube náutico da localidade.
A dotación de pantaláns en Aguete enmárcase dentro dunha proposta global do ente público para renovar estas infraestruturas en diversos puntos do litoral galego. Deste modo, Portos de Galicia pretende dar cumprimento ao seu compromiso de garantir as mellores condicións posibles ás instalacións portuarios de cara ao próximo inverno e aos posibles fenómenos meteorolóxicos adversos.
Relacionadas:
-
Instalan trinta novos brazos de amarre no porto do Grove
Por Redacción |
-
Ultiman as obras da baixada a Aguete, nas que se investiron 70.000 euros
Por Redacción |
-
Portos asegura que non actuará no peirao de Aguete se non conta con "pleno consenso social"
Por Redacción |
-
A borrasca estraga parte das instalacións do porto deportivo de Aguete
Por Diego Torrado |