Feijóo comprométese con Cubela a axilizar a aprobación do polígono industrial de Cotobade
Por Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse este mércores co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, a axilizar a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para a dotación e aprobación do polígono industrial de Salgueirós, o primeiro que terá Cotobade.
Jorge Cubela explicou ao presidente da Xunta que no vindeiro Pleno Extraordinario do Concello de Cotobade, que se celebrará o vindeiro 20 de novembro, aprobarase provisionalmente a modificación puntual das normas subsidiarias para o polígono. A partir deste trámite administrativo, o alcalde informou que para habilitar definitivamente este espazo para o seu uso industrial, só restaría a aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.
Ante esta solicitude do alcalde, o presidente da Xunta anunciou que trasladará á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas esta demanda para que sexa elevado ao Consello da Xunta no menor prazo de tempo posible.
Segundo informou Cubela, este compromiso adquiriuno no transcurso dunha reunión mantida en Santiago na que o alcalde de Cotobade tamén aproveitou o encontro para solicitarlle a sinatura dun Pacto pola Paisaxe para a recuperación da antiga fábrica da luz no entorno dos Baños de San Xusto.
O obxectivo desta actuación é a redacción dun proxecto técnico para a creación dun espazo público natural e paisaxístico neste enclave da parroquia de San Xurxo de Sacos, ao tempo que se proceda á reconversión destas instalacións nun balneario das augas mineiro-mediciñais.
Relacionadas:
-
Cotobade entrega toda a documentación para a aprobación do polígono industrial
Por Redacción |
-
Cotobade avanza para aprobar o Poligono Industrial de Salgueirós
Por Redacción |
-
Jorge Cubela: "Estamos a sacar adiante os proxectos que non se conseguiron en época de bonanza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |