Conclave de 75 especialistas en cancro de pulmón en Pontevedra
Por Redacción
Oncólogos médicos, oncólogos radioterapeutas, neumólogos, patólogos, cirurxiáns torácicos e outros especialistas sanitarios que traballan habitualmente en torno ao cancro de pulmón teñen unha cita esta fin de semana en Pontevedra. O Grupo Galego de Cancro de Pulmón (GGCP) organiza no Parador Casa do Barón a súa XV reunión anual.
O encontro científico está organizado conxuntamente entre o servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e o propio GGCP con motivo da celebración o próximo 17 de novembro do Día Mundial do Cancro de Pulmón. Nel participan 75 especialistas de toda Galicia co obxectivo de actualizar e compartir coñecementos sobre unha enfermidade que é unha das primeiras causas de morte na comunidade galega.
O Grupo Galego de Cancro de Pulmón é unha asociación científica dedicada ao estudo e tratamento do cancro de pulmón, da que forma parte activa o CHOP. Os membros do grupo desenvolven o seu traballo en hospitais galegos, co obxectivo de establecer tratamentos máis eficaces e dispoñibles para todos os enfermos da comunidade, que permitan mellorar os resultados no tratamento desta enfermidade.
No programa desta XV reunión anual abórdanse temas como as causas prevenibles de cancro de pulmón, os avances no tratamento molecular e as limitacións no tratamento dos pacientes con esta enfermidade, con ponencias a cargo de destacados especialistas de Galicia.
A inauguración oficial comezou este venres pola tarde coa conferencia maxistral sobre 'Como integrar o laboratorio na práctica asistencial', a cargo do doutor Mariano Provencio Pulla, xefe de servizo de Oncoloxía do Hospital Puerta de Hierro de Madrid. A reunión continuará este sábado, en sesións de mañá e tarde, con diversas ponencias.