O Oral recadou no que vai de ano máis de 74 millóns de euros
Por Redacción
O servizo de xestión tributaria da Deputación de Pontevedra (ORAL) recadou no que vai de ano un total de 74 millóns de euros para os 54 concellos adheridos ao servizo. Esta cifra correspóndese aos 915.867 recibos e liquidacións xestionados entre o 1 de xaneiro e o 12 de novembro deste ano.
Deles, 64.426 valores corresponden aos 7 concellos da comarca de Pontevedra que teñen a xestión tributaria delegada no ORAL e nos que, en conxunto, se teñen recadado 5.435.325,78 de euros.
O 84% do recadado na área de Pontevedra fíxose no período de pagamento voluntario, no que se ingresaron un total de 4.562.145,02 euros, mentres que o 16% restante foi en vía executiva.
En canto ao tipo de valores xestionados, nos 7 concellos da comarca adheridos ao ORAL (Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Vilaboa, Poio e Ponte Caldelas), cobráronse un total de 3.627 liquidacións, por un importe total de algo máis de 700.000 euros, mentres que o groso da recadación (4.733.371,47 euros) se realizou por medio de 60.800 recibos.
DATOS 2013
No que respecta a todo o ano 2013, a recadación total na provincia ascendeu a 110,1 millóns de euros, correspondentes a algo máis de 1.160.593 recibos e liquidacións.
Deles 78.227 correspóndense aos concellos da comarca de Pontevedra, que en conxunto recadaron un total de case 8 millóns de euros. Tamén nese exercicio de 2013, a gran maioría do recadado se fixo en voluntaria,período no que se ingresaron máis de 6,9 millóns de euros, máis do 86%.